A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, subliñou este mércores que o Concello conseguiu este ano, por segundo consecutivo, os dous obradoiros de emprego para os que solicitou achega económica da Xunta, o que demostra o bo facer da entidade local, así como “a calidade dos proxectos de formación que presentamos e a orixinalidade das temáticas”. Prieto informou de que este martes o Concello recibiu a notificación oficial da Administración autonómica da concesión do obradoiro InteracTICvate, que se suma ao Fórum 4.0, cuxa aprobación lle foi comunicada a principios de setembro.
Deste xeito, a entidade local desenvolverá, como xa o fixo na pasada convocatoria, dous obradoiros de emprego, que, cun investimento total de 443.000€, beneficiarán a un total de 36 lucenses desempregados. O obxectivo é favorecer a súa inserción no mercado laboral ofrecéndolles formación na difusión do patrimonio a través de medios dixitais.
InteracTICvate ten un orzamento 288.473€ e está deseñado para a formación de 20 persoas en dúas especialidades: Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais, que inclúe a elaboración dun catálogo que recolla a arte urbana da cidade; e Producción Fotográfica, que contempla o desenvolvemento dunha App turística de promoción dos principais elementos patrimoniais da cidade mediante a aplicación das TIC, para a que se farán recreacións en 3D, realidade aumentada e fotografía panorámica. Para a súa execución contrataranse a tres persoas, entre dirección e monitores. Terá unha duración de 9 meses.
Fórum 4.0., cunha duración de 6 meses, conta cun investimento de 154.075,36€ e prevé a formación de 16 persoas, ademais da contratación de outras tres para a súa execución, entre dirección e monitores. As especialidades son Confección e Publicación de Páxinas Web, no que se prevé a creación dun portal de divulgación e difusión dos patrimonio lucense; e Xestión de Márketing e Comunicación, dirixido a poñer en valor a riqueza patrimonial como factor de desenvolvemento e a potenciar a marca Lugo Romano como destino. Neste caso, a Xunta xa ten en marcha o proceso de selección.
Estes dous obradoiros, recalcou a Concelleira de Emprego, reforzan os programas de inserción laboral que xa está a desenvolver a día de hoxe Concello, Empregalia e Inicia Coworking, que, cun orzamento conxunto superior ao 1,2M€, beneficia a unhas 200 persoas.
Ademais, o Goberno presentou unha candidatura para concorrer a fondos europeos co fin de desenvolver un novo plan de emprego, EmPodérate, que, segundo lembrou Ana Prieto, conta cun orzamento de 2M€, dos cales o Fondo Social Europeo achegará o 80% e a entidade local o 20% restante, e está destinado á inserción laboral de 300 lucenses en situación de vulnerabilidade para o mercado de traballo.
“Non temos as competencias en emprego, pero temos e exercemos, como se pode comprobar con todas estas iniciativas, a responsabilidade e a obriga de facer todo o posible, con recursos propios e tratando de captar investimentos doutras entidades, para paliar o desemprego no noso municipio. Non podemos, nin daremos ás costas nunca aos 6.214 lucenses que a día de hoxe están no paro”.