As persoas interesadas nos inmobles poderán presentar a solicitude ata o día 12 de xullo
Con este viveiro de empresas a pé de rúa, xestionado polo CEI Nodus, o Goberno dinamiza social e economicamente o barrio de maneira eficaz e controlada
O Concello organizou para mañá xoves, unha xornada de portas abertas para que todas as persoas interesadas poidan coñecer os 9 locais comerciais que ten en aluguer no barrio da Tinería. A visita terá lugar a partir das 10:00 horas e consistirá nun percorrido por cada un dos inmobles, comezando polo número 24 da rúa Tinería. O prazo para solicitalos estará aberto ata o día 12 de xullo.
O Concello pon en marcha deste xeito un viveiro de empresas a pé de rúa xestionado polo CEI Nodus nos 9 locais que lle alugou ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na Tinería. Esta iniciativa supón revalorizar o barrio dunha maneira controlada e eficaz por medio dunha economía sostible e de valor engadido que fará atractiva a zona, non só para emprender e traballar, senón tamén para vivir, facendo posible un efecto chamada de novos residentes e empresas.
As bases
A cesión será en réxime de aluguer por un período de catro anos (contados dende a resolución definitiva e a entrega das chaves), con opción a prórroga, e a renda será do 20% do que lle custa ao Concello o arrendamento dos locais ao IGVS. Deste xeito, a entidade local achega o 80% restante. Os importes oscilan entre os 10€ ao mes do inmoble con menor superficie aos 72€ do máis grande (IVE incluído).
As persoas ou entidades adxudicatarias asumirán o acondicionamento dos locais de acordo coas características da actividade empresarial que se pretenda abrir.
Os e as beneficiarias poderán ser persoas físicas ou xurídicas que queiran desenvolver unha actividade: comercial, de oficinas e administrativa, educativa, docente e cultural, asistencial, deportiva, sanitaria ou artesá. A Ordenanza de Burgos Medievais permite usos máis amplos nesta zona, pero o Goberno decidiu limitalos a estes porque son os que máis poden dinamizar e poñer en valor o barrio.
Será requisito indispensable presentar un plan de empresa e unha memoria valorada economicamente, na que se describa a actividade a implantar e a data prevista para poñela en marcha (non superior aos 4 meses despois da entrega do local). Os arrendatarios contarán co acompañamento dun técnico municipal de Urbanismo para axilizar a tramitación dos proxectos.
O procedemento de adxudicación será por concorrencia competitiva, e conforme aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade e igualdade.
Criterios de valoración
As bases establecen criterios de valoración cuantitativos e cualitativos.
Os cualitativos son en función do tipo de empresas:
– Empresas de mercado: empresario individual, sociedade anónima e sociedade limitada: 2 puntos.
– Empresas de economía social: sociedade cooperativa, sociedade limitada laboral, fundacións e asociacións con fins comerciais: 4 puntos.
– Proxectos empresariais que procedan de viveiros de empresas, coworkings, etc.: 1 punto, que poderá acumularse aos anteriores.
Os cuantitativos puntuaranse cun máximo 5 puntos, distribuídos do seguinte xeito:
– Adecuación da actividade proposta ás características do local: ata 2 puntos.
– Dinamización comercial e xeración de afluencia de público ao barrio: ata 3 puntos.
No caso de que dúas ou máis solicitudes acaben igualadas en puntuación para un mesmo local, a orde de adxudicación establecerase por sorteo público. A súa convocatoria será anunciada no Taboleiro de Anuncios e na páxina web do Concello con 24 horas de antelación.
As solicitudes serán valoradas por un comité técnico composto por seis persoas:
– 3 vogais nomeados polo Concello (un técnico de Urbanismo e dous do CEI Nodus)
– 1 vogal nomeado pola Federación Galega de Comercio
– 1 vogal nomeado pola CEL
– Secretaría (secretario ou vicesecretaria do Concello)
Para maior información, o anuncio da convocatoria, ademais de no BOP, publicouse na web do Concello (www.lugo.gal) e no Taboleiro de Anuncios municipal. As solicitudes están dispoñibles, ademais de na web, nas oficinas de Atención ao Cidadán.
A resolución definitiva de adxudicatarios incluirá unha lista numerada de reservas para a ocupación dos locais (para o caso de renuncias ou incumprimentos). Será publicada no Teboleiro de Anuncios e na web municipal.
Audio