A iniciativa, promovida polo Goberno de Lara Méndez, busca por en valor o papel da UE especialmente nestes momentos de crise sanitaria internacional, ao mesmo tempo que se fomenta a idea de solidariedade e multiculturalismo
A elección dos artistas pon de manifesto a aposta decidida do executivo por potenciar aos referentes da música local e da cultura folk e o ámbito rural.
A emisión en streaming de ambas actuacións poderá seguirse a través das redes do Concello de Lugo
O artista asturiano, Rodrigo Cuevas, e a lucense, Laura LaMontagne, ofrecerán un concerto online, organizado polo Concello de Lugo, con motivo do Día de Europa, que se celebrará o vindeiro 9 de maio. Esta iniciativa, promovida polo Goberno de Lara Méndez, busca por en valor o papel da Unión Europea, especialmente nestes momentos de crise sanitaria internacional, provocada pola pandemia do coronavirus, e a importancia de permanecer unidos na loita contra o COVID-19. Neste senso, a Comisión Europea está a coordinar unha resposta común, actuando para reforzar os sistemas de saúde pública e mitigar o impacto socioeconómico nos países membros.
O edil de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, que presentaba a actuación esta mañá xunto a alcaldesa, Lara Méndez, sinalou que “o Concello quere celebrar esta efeméride, a pesar da particularidade de que se teña que desenvolver nun contexto de crise sanitaria, poñendo en valor o eido rural, a cultura folk e a música lucense, de aí os artistas escollidos para protagonizar o evento”.
Cada ano celébrase o Día de Europa coincidindo coa data de aniversario da histórica declaración de Schuman, que tivo lugar en París en 1950 e que sentou as bases do que hoxe en día coñecemos como Unión Europea. Nesta ocasión, ante a imposibilidade de realizar actos a pé de rúa, o Concello de Lugo conmemora esta efeméride organizando dúas actuacións, co obxectivo de fomentar a noción de identidade e pertenza á Unión Europea, especialmente entre a mocidade, promovendo un espectáculo en liña co que transmitir a idea de solidariedade e multiculturalismo que significa pertencer á UE.
Rodrigo Cuevas é un dos referentes nacionais da música folk, un férreo defensor do rural e do mundo tradicional. Ven de presentar o seu novo disco Manual de Cortejo no Cume Mundial do Clima celebrado en decembro en Madrid. A través das súas actuacións busca poñer en valor e potenciar o norte peninsular. Mentres que, pola súa parte, Laura LaMontagne é un dos talentos musicais lucenses, unha artista multidisciplinar con gran proxección. A emisión en streaming de ambas actuacións poderá seguirse a través das redes sociais do centro de información europea Europe Direct-Lugo (Youtube, Facebook, Twitter e Instagram).
Europe Direct-Lugo, situado no antigo cuartel de Garabolos, forma parte da rede de Centros de Información da UE. É o punto dende o que o Concello ofrece un servizo de proximidade que permite aos cidadáns obter información, asesoramento, axuda e respostas as súas dúbidas sobre a lexislación, as políticas, os programas e as posibilidades de financiación da Unión Europea.
Os artistas
Rodrigo Cuevas (Oviedo, 1985) é cantante, compositor, acordeonista e percusionista. No ano 2012 editou o seu primeiro traballo en solitario Yo soy la maga, que xa apuntaba algunhas das intencións sonoras e estéticas que ata hoxe seguiu explorando o artista: revisitación, posta ao día, translación ao contemporáneo dun patrimonio cultural e musical extremadamente rico, o da música folk, o da tradición.
Utiliza a arte popular tradicional como unha parte máis do espectáculo, quizais o alicerce fundamental xunto á electrónica, o cabaret, o monólogo, o humor e o teatro. E a través deles expón cuestións que lle preocupan como a desconexión cos nosos devanceiros e leva a escena a sabedoría que se fraguou a base de ensaio-erro durante centos de anos de humanidade, isto é, a conexión coa natureza e co mundo rural.
Cóntanse por centos de miles de reproducións algunhas das súas aparicións televisivas -en Cantadera e en Pieces de TPA, en Hable con Ellas de T5, no Luar da TVGA, en Noticias 4 ou no Late Motiv de Andreu Buenafuente- así como dos seus vídeos, e, entre eles, o máis reproducido, o auténtico fenómeno viral que foi Verdiciu.
Laura LaMontagne (Lugo, 1993) é unha cantante, poetisa e amateur do audiovisual. Descubriu no acto de recitar un lugar idóneo para a expresión artística grazas a asistir aos recitais santiagueses de Caldeirería 26, Serpes na Cachola e os Slam Poetry de Compostela e, máis recentemente, á Noite Poética de Lugo.
Durante o ano 2018 comezou o seu proxecto en solitario no que mestura audiovisual, poesía e música. Tamén traballou no curto experimental da realizadora Sara Iglesias “Os Remedios”, co-gañador no concurso de creación de curtos exprés “A Fume de Carozo”. Protagonizou o videoclip da canción “Papá Bébedo” da banda galega Ataque Escampe, e traballou como actriz na ópera prima de Anxos Fazáns “A Estación Violenta”, na cal a súa canción “Azulexos” forma parte do universo musical da película.
Máis recentemente protagonizou, xunto a Frank Sieiro, o curto experimental “O Acto de Ver” da directora novel Noemí Iglesias (Pontevedra) e traballou xunto a Carmen Conde na execución musical do seu espectáculo “Tabú”, con composicións musicais que mesturan cantigas galaico-portuguesas, cantigas populares galegas e ata o poema de Rosalía de Castro “A Xustiza pola man” con ritmos e efectos de estilo electrónico.
Audio