8 días. Este é o Período Medio de Pago (PMP) no que o Concello de Lugo pagou aos provedores no mes de xullo, isto é, 22 por debaixo do límite legal, segundo informou este venres a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto. O PMP é un dato público e oficial que a entidade local debe render todos os meses ao Ministerio de Facenda, de feito, publícase na súa páxina web.
Deste xeito, “non só cumprimos, senón que levamos por debaixo do límite legal catro meses consecutivos, pois en abril o PMP foi de 16 días, en maio de 27, en xuño de 17 e en xullo de 8”, subliñou Prieto, quen destacou que a “progresión é moi positiva, a pesar dos malos presaxios da oposición, que, en vez de contribuír a propoñer enriba da mesa posibles solucións a un problema que efectivamente tivemos, durante todo este tempo non fixeron máis que atacar ao Goberno con este tema, mesmo vetando, como foi o caso do Partido Popular, ata catro veces o pago a provedores en Pleno. Sempre dixemos que iamos a mellorar, e estámolo facendo”. “O eficaz modelo de xestión deste Goberno contrasta, como poden comprobar os lucenses, co de outros como o que leva a cabo a concelleira popular Ana López Pombo ao fronte do Colexio de Veterinarios, no que se alzan voces de moitos integrantes pedindo a súa dimisión, aínda que se resiste a irse”, asegurou a edil de Economía.
“Aínda que temos que mellorar na fase que vai dende o rexistro da factura á súa conformidade polos servizos técnicos e os políticos, tamén é certo que gañamos eficacia no circuíto administrativo, e por esta liña avanzaremos, cun traballo serio, rigoroso e responsable”, subliñou a Concelleira.
Audio
- Ana Prieto sobre o pago a provedores no mes de xullo | Descargar mp3