A Concelleira de Economía subliña que a implantación da factura electrónica e o volume de pagos efectuados por minutas da anos anteriores contribuíu a rebaixar os prazos
“Gañamos eficacia no circuíto administrativo, como demostra que nos primeiros cinco meses deste ano levemos tramitadas 17.651 facturas, o que supón o 80% do total do ano pasado”
A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, informou este xoves de que o Concello reduciu a 16,84 días o Período Medio de Pago (PMP) aos provedores en abril, o último mes contable pechado, no que liberou pagos por un importe total de 3,4M€. Deste xeito, o prazo sitúase en 14 días por debaixo do límite legal establecido (de 30), isto é, a metade, e supón unha reducción do 80% con respecto a marzo.
Ana Prieto explicou, tal e como xa o fixo no último Pleno, que está comezando a incidir na axilización dos trámites para o pago a implantación integral da factura electrónica, que, “como dixemos dende un principio, non ía ter efectos inmediatos, senón que se iría notando progresivamente”. Así mesmo, como indicou igualmente a Concelleira na sesión plenaria de maio, o abono de minutas de exercizos anteriores a través de recoñecementos extraxudiciais de crédito, sobre todo correspondentes a eléctricas, tamén contribúen a ir rebaixando o período de pago a provedores.
O PMP, como establece a normativa estatal actual, resulta dos días naturais que de media transcorren entre a data de aprobación das certificacións da obra ou servizo ata o pago efectivo.
“Aínda que temos que mellorar na fase que vai dende o rexistro da factura á súa conformidade polos servizos técnicos e os políticos, tamén é certo que gañamos eficacia no circuíto administrativo, como demostra o PMP de abril, e por esta liña avanzaremos, cun traballo serio, rigoroso e responsable”.
Outra mostra da boa xestión neste eido é o volume de facturas tramitadas polo Concello, que pasou de 18.238 no 2016 a 22.489 no 2017, sendo xa só nos cinco primeiros meses deste 2018 de 17.651, o que supón o 80% de todo o ano pasado, co que de seguir a este ritmo a cantidade será moi superior, chegando mesmo a duplicarse con respecto a 2017. O importe pagado pola entidade local entre xaneiro e abril deste ano é de 13,4M€.
Sinais de xestión económica eficaz son tamén a eliminación da débeda bancaria, co que o Concello ten as mans libres para investir os remanentes nos ámbitos que considere necesarios, a captación de fondos europeos por importe de 22M€, así como o visto bo que a Administración autonómica vén de dar ao seguimento do Plan Económico Financeiro (PEF) que a entidade municipal tivo que presentar este ano por incumprir a regra de gasto por pagar as indemnizacións polas expropiacións de terreos do Carmen.
Audio