A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destaca que «o traslado reforza o compromiso do Concello coa sustentabilidade e co aproveitamento dos espazos públicos pioneiros».
O edificio Impulso Verde, situado na Garaballa, acolle dende hai varias semanas as oficinas da empresa municipal de vivenda e solo de Lugo, Evislusa, que trasladou a súa sede desde o Centro de Convivencia Uxío Novoneyra a este innovador inmoble. O cambio fíxose efectivo a comezos de ano e o persoal de Evislusa atópase operativo nestas novas instalacións, reforzando a aposta do Concello pola eficiencia e a sustentabilidade.
Neste senso, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, subliñou que «este traslado reforza o noso compromiso co desenvolvemento sostible, aproveitando un espazo innovador que serve de modelo para a arquitectura sustentable en Galicia e en España». Ademais, engadiu que «o Impulso Verde non é só un edificio singular, é un exemplo de como as cidades poden evolucionar cara a un urbanismo respectuoso co medio ambiente».
Na actualidade, o persoal de Evislusa está composto por dous administrativos/as, un aparellador/a e un arquitecto-xerente. Ademais, atópase aberto o proceso selectivo para a incorporación dunha nova persoa para un posto vacante de arquitecto/a, que completará o equipo de traballo.
O edificio Impulso Verde, pioneiro en construción sostible, manterá ademais outros usos previstos, como a zona expositiva sobre o proxecto LIFE Lugo+Biodinámico na pranta baixa e, proximamente, instalarase na primeira planta a aceleradora TurisTalent 5.0, unha iniciativa enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística que combinará formación, asesoramento especializado e busca de financiamento para impulsar proxectos innovadores nos sectores turístico e enogastronómico. A segunda planta alberga a xerencia de Evislusa e, finalmente, a planta alta estará reservada para a celebración de eventos e actos institucionais.
O Executivo municipal destaca que este traslado se enmarca nunha estratexia máis ampla de optimización de recursos e reforzo das políticas medioambientais, facendo de Lugo unha cidade referente na loita contra o cambio climático.