O evento terá lugar o vindeiro 19 de setembro na Praza Horta do Seminario e contará con stands de firmas lucenses, así como cunha zona de ocio con música e food trucks.
Repetto lembrou que “unha das prioridades deste goberno é a xeración de oportunidades entre a mocidade e a creación de novos postos de traballo, co obxectivo de reter o talento”.
A programación incluirá charlas e mesas redondas, entrevistas rápidas ou speed dating, así como obradoiros formativos vinculados ao mundo laboral.
As persoas interesadas en participar nas entrevistas deberán rexistrar o seu CV na páxina web https://empregat.arquivalugo.gal/ ata o 17 de setembro ás 14:00 horas.
O Executivo de Paula Alvarellos organiza o vindeiro 19 de setembro, da man do Campus Terra da USC e a Asociación de Empresarios de O Ceao-As Gándaras, o Emprega-T Fest, unha cita que busca conectar o talento local coas empresas da cidade. O evento, que terá lugar na Praza Horta do Seminario en horario de 10:00 a 19:00 horas, ten como obxectivo potenciar as oportunidades laborais das persoas demandantes de emprego ou con ganas de mellorar a súa situación profesional.
“Será unha magnífica oportunidade para que as empresas lucenses den a coñecer de primeira man, a través dos seus propios stands, a súa actividade, os perfís profesionais que buscan e as oportunidades de desenvolvemento que ofrecen”, explicou o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto.
O edil subliñou que “esta iniciativa nace do traballo conxunto entre o servizo de orientación e formación do Concello –Espazo Lab–, a Área de Orientación Laboral da Universidade de Santiago de Compostela e a asociación de empresarios que aglutina os dous polígonos da cidade”. “Unha das prioridades do goberno local é a xeración de oportunidades entre a mocidade e a creación de novos postos de traballo no municipio, co obxectivo de reter o talento e fixar poboación; nesta mesma liña, puxemos en marcha a estratexia Lugo Transforma que é pioneira no ámbito local”.
Os asistentes ao Emprega-T Fest poderán participar en actividades que faciliten a súa incorporación ao mundo laboral, interactuando con recrutadores de empresas de distintos sectores, asistindo a conferencias e mesas redondas, potenciando as súas competencias e habilidades comunicativas a través dos obradoiros e presentando o seu talento nas entrevistas rápidas coas empresas. Neste senso, o edil animou a todas as persoas interesadas a rexistrar os seus respectivos currículos a través da páxina web do evento (https://empregat.arquivalugo.gal/) ata o 17 de setembro ás 14:00 horas.
Así, a cita contará con espazos expositivos onde as empresas presentarán a súa oferta de Recursos Humanos e como desenvolver a carreira profesional dentro delas; unha zona de entrevistas rápidas ou Speed Dating, na que se realizarán entrevistas dunha duración de 15 minutos entre empresas e persoas candidatas; así como mesas redondas, charlas de empresas e talleres formativos vinculados ao mercado laboral. Tamén se contará cun espazo de ocio onde as persoas asistentes poderán desfrutar de food trucks e música en directo.
As charlas e mesas redondas estarán impartidas por expertos de diferentes sectores. Nestes encontros informativos e de debate abordaranse temas como as tendencias do mercado laboral, as habilidades máis demandadas polas empresas, consellos para mellorar a empregabilidade e moito máis. “Será unha excelente oportunidade para aprender e interactuar con profesionais experimentados, coa finalidade de descubrir talento e atopar oportunidades laborais”, subliñou Repetto.
Ademais, a través dos obradoiros ofrecerase aos participantes ferramentas útiles e aplicables na búsqueda de emprego. “Haberá actividades destinadas a mellorar o currículo, preparar entrevistas ou desenvolver habilidades de networking” concluíu o edil