O edil de Dinamización Económica fixo entrega dos diplomas aos 16 alumnos e alumnas que finalizaron con éxito o obradoiro ArquivaLugo posto en marcha polo Concello.
“Os traballos efectuados polo persoal docente e alumnado deste obradoiro suporán un antes e un despois para o funcionamento do Arquivo Municipal”, destacou Repetto.
Ao longo de 12 meses levaron a cabo a recuperación de Actas Consistoriais do século XVI ao XIX; a dixitalización e posta en valor de licenzas de obras particulares do período 1951-1955; ou a creación da nova web https://arquivomunicipaldelugo.gal/
O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, participou este venres no acto de clausura do obradoiro dual de emprego ArquivaLugo, que acolleron as instalacións municipais do CEI Nodus. O concelleiro fixo entrega dos diplomas e felicitou aos 16 alumnos e alumnas que completaron a súa formación no ámbito do deseño gráfico, o desenvolvemento web e os procesos de dixitalización, “áreas cunha importante demanda de profesionais, polo que o obxectivo é favorecer o seu acceso ao mercado laboral, contribuíndo a xerar novos postos de traballo no municipio”, explicou Repetto.
Neste senso, o edil lembrou que “con esta iniciativa buscamos mellorar a ocupabilidade de persoas que se atopaban desempregadas, a través da cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral, ao tempo que se dota ás e aos participantes de coñecementos e destrezas profesionais adaptadas ás necesidades do mercado actual”.
O obradoiro, que se desenvolveu durante o último ano contou con tres especialidades: Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos; Confección e publicación de páxinas web; e Deseño de produtos gráficos.
Durante o proceso formativo, que estivo cofinanciado pola Xunta de Galicia, recuperáronse xxx libros de Actas Consistoriais do século XVI ata a segunda metade do XIX, que son os documentos máis representativos da xestión e administración dos concellos modernos e contemporáneos. Expedidos polos órganos de goberno locais, recollen as decisións e actuacións dos cargos municipais da época, sendo unha fonte imprescindible para a reconstrución dos diversos aspectos da vida da cidade de Lugo.
Ademais, levouse a cabo a dixitalización e posta en valor de licenzas de obras particulares do período 1951-1955, que se atopaban no Arquivo Histórico Provincial. Este é un fondo de gran riqueza xa que axuda a ilustrar e explicar a configuración urbanística e arquitectónica da cidade, amosando como foi o crecemento da mesma e a evolución de lugares emblemáticos da cidade.
“Todo este traballo complementouse coa creación da nova web do Arquivo Municipal, unha canle axil e eficiente a través da que a cidadanía pode atopar todos estes contidos, así como un rueiro interactivo, petición constante dos usarios do Arquivo dende hai tempo, xunto coa colección fotográfica Delgado Guisasola, enormemente demandada”, explicou Repetto.
A nova canle https://arquivomunicipaldelugo.gal/, xunto co resto do traballo desenvolvido polo persoal do obradoiro suporán, deste xeito,un antes e un despois non só para o funcionamento do Servizo de Arquivo como parte integrante da institución municipal, senón tamén para o Arquivo como gardián do patrimonio documental lucense.
Finalmente, Mauricio Repetto lembrou que o alumnado, de entre 26 e 69 anos, estivo retribuído co salario mínimo interprofesional. “Agora, trala finalización do obradoiro recibirán un certificado de profesionalidade, que garante que se atopan en condición de incorporarse ao mercado laboral para ocupar postos de traballo vencellados ao contido do obradoiro.”, explicou.
Neste senso, o edil desexoulles “moita sorte no seu futuro” e tendeulles a man para contar co apoio do Concello en futuros proxectos.