Farao a través do novo obradoiro dual de emprego ‘Salus Lugo’ que porá en marcha a área de Dinamización Económica, a través dunha subvención autonómica de 421.000 euros.
“A formación nestes ámbitos non só garante un coidado de calidade para as persoas que máis o necesitan, senón que tamén contribúe a crear un tecido social máis forte e solidario”, apuntou a rexedora.
A formación, que terá unha duración de 9 meses, será impartida nas dependencias do CEI Nodus e complementarase con traballo efectivo nos centros de Aspnais, Cogami e San Vicente de Paul. Os participantes estarán remunerados co salario mínimo interprofesional.
O Executivo de Paula Alvarellos formará a 20 lucenses no ámbito sociosanitario e socioeducativo para a atención a persoas dependentes en institucións sociais e a promoción e intervención socioeducativa con persoas con diversidade funcional. Farao a través dun novo obradoiro dual de emprego, denominado ‘Salus Lugo’, que porá en marcha a área de Dinamización Económica do Concello, a través dunha subvención autonómica de 421.000 euros.
Neste senso, a rexedora subliñou que “a formación nestes ámbitos non só garante un coidado de calidade para as persoas que máis o necesitan, senón que tamén contribúe a crear un tecido social máis forte e solidario”. “Trátase, ademais, de dous campos cunha demanda de profesionais cada vez máis elevada, tendo en conta o envellecemento da poboación, polo que supón un importante nicho de mercado”.
A formación será impartida nas dependencias do CEI Nodus e complementarase con traballo efectivo nos centros da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspnais), Cogami Lugo e San Vicente de Paul. Alvarellos agradeceu a súa colaboración a estas entidades sociais do municipio “cuxo labor diario é fundamental para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria, realizando un traballo fundamental para garantir a dignidade e o benestar de todas as persoas”.
Pola súa banda, o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, apuntou que “a formación de novos profesionais no ámbito sociosanitario e socioeducativo é esencial para garantir un futuro onde todas as persoas dependentes reciban a atención que merecen”. “Como comunidade, debemos seguir apostando pola mellora constante dos servizos que ofrecemos, e iso pasa necesariamente por investir na formación e capacitación de quen está en primeira liña de atención”, engadiu.
O obradoiro, contará, polo tanto, con dúas especialidades: Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que permitirá obter un certificado de profesionalidade de Nivel 2 e disporá de 10 prazas; e Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade, que habilitará para a obtención dun certificado de profesionalidade de Nivel 3 e contará con outras 10 prazas.
Especialidade pioneira en Lugo
Tal e como avanzou a rexedora, a especialidade de ‘Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade’ impartirase por primeira vez na provincia de Lugo, “sendo unha grandísima oportunidade para poder contar con profesionais -como integradores sociais, monitores de servizos á comunidade ou educadores de persoas con discapacidade- que poidan axudar ás persoas con diversidade funcional a acadar o maior grao de autonomía persoal e inclusión no ámbito educativo e social”.
A formación, que terá unha duración de nove meses, está dirixida a persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que será o encargado de preseleccionar aos participantes. A continuación, deberán realizar un proceso selectivo, axustado a unhas bases de selección que se publicarán nas vindeiras semanas na páxina web municipal. Os participantes estarán remunerados co salario mínimo interprofesional (SMI).