O obxectivo é propiciar a inserción laboral dos e das lucneses que neste momento se están a formar no CEI Nodus en deseño gráfico, desenvolvemento web e dixitalización.
Para acceder ás axudas as empresas interesadas terán que ofrecer un contrato mínimo de tres meses a xornada completa en postos relacionados cos contidos do obradoiro.
As bases e toda a información poderá consultarse na páxina web municipal. O prazo para solicitar as axudas será dun mes a partir da súa publicación no BOP.
O Executivo de Paula Alvarellos busca impulsar a inserción laboral do alumnado do obradoro ArquivaLugo, que se está a impartir de forma presencial nas dependencias municipais do CEI Nodus, con axudas de 1.500 euros para as empresas interesadas na súa contratación. “O obxectivo é promover a inserción laboral das persoas que rematen o obradoiro durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en entidades relacionadas co deseño gráfico, o desenvolvemento web e os procesos de dixitalización”, explicou a rexedora.
O obradoiro, que chegará ao seu remate –logo de 12 meses– a finais de novembro, está organizado pola área de Dinamización Económica e, durante o seu desenvolvemento as e os participantes están a recibir o salario mínimo interprofesional. Deste xeito, Alvarellos apuntou que “coa posta en marcha destas iniciativas, non só ofrecemos unha formación remunerada, senón que agora tamén queremos favorecer o seu acceso ao mercado laboral, contribuíndo a xerar novos postos de traballo no municipio”.
“Promovemos así, dende o Concello, unha formación con futuro, que teña saída laboral, e o facemos, ademais, dun xeito que resulta triplemente atractivo para a poboación, en tanto lles permite ter uns ingresos mensuais mentres adquiren coñecementos en áreas cun importante nicho de mercado, ao tempo que promovemos a súa contratación posterior”, explicou.
No obradoiro matriculáronse 20 alumnos, de entre 25 e 61 anos. Conta con tres especialidades formativas: Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos; Confección e publicación de páxinas web; e Deseño de produtos gráficos.
Durante o proceso formativo, que está cofinanciado pola Xunta de Galicia, se están a recuperar libros de Actas Consistoriais do século XVIII e da segunda metade do XIX, que son os documentos máis representativos da xestión e administración dos concellos modernos e contemporáneos. Expedidos polos órganos de goberno locais, recollen as decisións e actuacións dos cargos municipais da época, sendo unha fonte imprescindible para a reconstrución dos diversos aspectos da vida da cidade de Lugo.
Ademais, se está a realizar a dixitalización e posta en valor de licenzas de obras particulares do período 1951-1955, que se atopan actualmente no Arquivo Histórico Provincial. Trátase dun fondo de gran riqueza xa que axuda a ilustrar e explicar a configuración urbanística e arquitectónica da cidade, amosándonos como foi o crecemento da mesma e a evolución de lugares emblemáticos da cidade.
Neste senso, Mauricio Repetto explicou que “con esta capacitación contribuímos a enxalzar o noso patrimonio histórico, neste caso o documental, especialmente tendo en conta o pasado de nosa cidade, e que en moitas ocasións é difícil difundir”. “Buscamos mellorar a ocupabilidade de persoas desempregadas, a través da súa cualificación, en alternancia coa adquisición de experiencia laboral ao tempo que favorecemos a preservación da nosa historia”, apuntou o edil
Axudas de 1.500 euros á contratación
Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos á contratación as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, cuxa actvidade estea directamente relacionada coa formación impartida no Obradoiro.
Os contratos temporais incentivaranse cunha subvención fixa de 1.500 euros por cada traballador/a, correspondente ao contrato mínimo de 3 meses a xornada completa, debendo comezar as contratacións con carácter xeral nos quince días seguintes á finalización do obradoiro de emprego o vindeiro 23 de novembro de 2024.
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables deberán presentarse no prazo dun mes a contar desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da provincia de Lugo. As bases e toda a información poderá consultarnase na páxina web municipal.