Desenvolve Lugo

Lupa

O Executivo de Paula Alvarellos porá en marcha un protocolo para a minimización de residuos nos grandes eventos festivos de Lugo

O documento incluirá unha diagnose da situación actual, un plan de accións para a redución e xestión de residuos, materiais de difusión e campañas de sensibilización ambiental.

Alvarellos: “Con esta iniciativa, apostamos por un modelo de lecer responsable e respectuoso co entorno, reducindo residuos e promovendo a reutilización e reciclaxe”.

Hoxe publicouse na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación do contrato, finalizando o prazo de presentación de ofertas o día 13 de marzo de 2025.

O Executivo de Paula Alvarellos porá en marcha un innovador protocolo destinado a reducir a xeración de residuos nos grandes eventos festivos do municipio. Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino «…Et edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía», forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través do programa NextGenerationEU.

A rexedora anunciou este martes a apertura do proceso de contratación para a elaboración deste documento que ten como obxectivo diminuír a produción de refugallos e fomentar un comportamento responsable na cidadanía, minimizando o impacto ambiental dos eventos multitudinarios no municipio mediante a aplicación das 3R: Redución, Reutilización e Reciclaxe.

Alvarellos, destacou a importancia desta iniciativa para avanzar cara a unha cidade máis sostible: «As nosas festas, como o Arde Lucus ou o San Froilán, son unha parte fundamental da identidade de Lugo, pero debemos asegurar que a súa celebración non prexudique o medio ambiente. Coa posta en marcha deste protocolo, apostamos por un modelo de lecer responsable e respectuoso co entorno, reducindo residuos e promovendo a reutilización e a reciclaxe».

Deste xeito, o protocolo incluirá un conxunto de accións destinadas a sensibilizar á poboación e aos visitantes sobre a importancia dun tratamento adecuado dos residuos, entre as que destacan:

–          Accións de sensibilización ambiental: Desenvolvemento de materiais adaptados a todos os públicos, talleres e actividades lúdicas que fomenten a concienciación sobre o impacto dos residuos no medio ambiente.

–          Promoción do consumo responsable: Análise de eventos emblemáticos para deseñar accións específicas, como a redución do uso de plásticos dun só uso e a promoción de prácticas sustentables.

–          Guía de boas prácticas para empresas: Apoio ás empresas turísticas e enogastronómicas da cidade na aplicación de estratexias de economía circular, como o compostaxe ou a reutilización de materiais.

Así, os principais obxectivos que persegue esta iniciativa son: reducir a cantidade de residuos xerados, especialmente en eventos de interese turístico; fomentar un comportamento responsable no consumo e na xestión de residuos; promover o coñecemento das prácticas sustentables aplicables tanto no ámbito turístico como na vida cotiá; e incrementar o prestixio medioambiental de Lugo como destino turístico comprometido coa sustentabilidade.

“Este protocolo é un paso máis no noso compromiso coa sustentabilidade e coa protección do medio ambiente. Queremos que Lugo sexa un referente na xestión responsable de residuos, especialmente nos nosos eventos máis emblemáticos. Coa implicación de todos, desde a cidadanía ata as empresas e os visitantes, podemos reducir o impacto ambiental e contribuír a un futuro máis limpo e sostible para as nosas festas e para a nosa cidade”, apuntou Alvarellos.

Neste senso, a rexedora subliñou tamén o papel fundamental da cidadanía para que esta iniciativa sexa efectiva: «O éxito desta medida depende da colaboración de todos e todas, necesitamos que a xente se implique, que tome conciencia e que participe activamente na redución de residuos para que Lugo sexa un exemplo de compromiso ambiental».

Pola súa banda, o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, fixo fincapé na relevancia desta medida para o turismo e o sector enogastronómico: «Este protocolo permitirá que os eventos grandes eventos da nosa cidade, como o San Froilán, o Arde Lucus ou o Caudal Fest sexan referentes non só pola súa oferta cultural, senón tamén pola súa xestión ambiental”. “Apostar pola minimización de residuos non só beneficia o medio ambiente, senón que tamén mellora a experiencia dos visitantes e o atractivo de Lugo como destino», engadiu.

Financiamento e execución

A iniciativa está financiada nun 100% pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU e conta cun orzamento base de licitación de 35.688,00 euros (IVA incluído). A execución do contrato terá unha duración de catro meses, durante os cales se elaborará o protocolo e se deseñarán as accións específicas para a súa implementación. Incluirá, entre outros aspectos, un diagnóstico da situación actual, un plan de accións para a redución e xestión de residuos, e un cronograma para a súa execución e avaliación. Ademais, integrará materiais de difusión e campañas de sensibilización ambiental adaptadas ás características do entorno de Lugo.

Este mesmo martes publicouse na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación do contrato, finalizando o prazo de presentación de ofertas o vindeiro día 13 de marzo.

Scroll al inicio