A empresa Citanias Obras y Servicios será a encargada de redactar o proxecto e executar os traballos de rehabilitación cun orzamento de 554.212 euros e criterios passivhaus.
Repetto: “Este proxecto permitirá dotar a Lugo dun espazo único, que combine a posta en valor do noso patrimonio cunha proposta innovadora para a promoción dos produtos locais e da gastronomía como atractivo turístico”.
A iniciativa conta co apoio dos principais axentes do sector turístico e gastronómico, así como de institucións como a USC e o Clúster de Turismo de Galicia.
O proxecto enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), «Et Edendo, Lucus” para o que o Executivo acadou 2 millóns de euros de fondos Next Generation.
O Executivo Municipal deu este xoves un paso máis no proxecto que permitirá poñer en valor a antiga Fábrica da Luz e a súa contorna, convertendo este emblemático edificio nun moderno centro de enogastronomía. Esta iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), «Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía», para o que o Goberno Local acadou unha achega de 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation.
O Goberno Local vén de adxudicar a redacción do proxecto e a execución dos traballos de rehabilitación do inmoble baixo criterios passivhaus á empresa Citanias Obras y Servicios SLU por un importe total de 554.212,94 euros. Esta disporá dun prazo dun mes –desde a formalización do contrato– para a presentación definitiva do proxecto de obra para a súa supervisión, aprobación e replanteo; e un segundo prazo de catro meses para a execución dos traballos, que comenzará a contar desde a data de comprobación do replanteo.
O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou a importancia estratéxica deste proxecto, subliñando que «a recuperación da Fábrica da Luz permitirá dotar a Lugo dun espazo único, que combine a posta en valor do noso patrimonio cunha proposta innovadora para a promoción dos produtos locais e da gastronomía como atractivo turístico».
O novo centro de enogastronomía converterase nun referente dentro do modelo de turismo sostible polo que aposta o Concello, aliñado coas políticas de transformación e resiliencia impulsadas pola Unión Europea. «Queremos que Lugo sexa un destino de calidade, que atraia visitantes interesados na nosa cultura e tradicións, pero tamén que esta iniciativa xere novas oportunidades para o sector hostaleiro e comercial da cidade», engadiu Repetto.
O edil tamén puxo en valor o traballo de planificación realizado a través da Mesa de Participación, na que representantes do sector turístico, hostaleiro, empresarial e académico achegaron propostas para definir o modelo de xestión do futuro centro. «A nosa intención é que este espazo sexa un polo dinamizador do turismo e da economía local, integrando a colaboración público-privada para garantir o seu éxito a longo prazo», afirmou.
Para a posta en marcha desta iniciativa, o Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil asinaron un convenio que outorga ao municipio unha concesión de 50 anos sobre o complexo para a súa posta en valor. «Grazas a este convenio, non só recuperamos un edificio con grande valor histórico e patrimonial, senón que o transformamos nun centro de referencia para a divulgación da nosa enogastronomía e da sostibilidade ambiental», explicou Repetto.
A iniciativa conta co apoio dos principais axentes do sector turístico e gastronómico, así como de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela e o Clúster de Turismo de Galicia. «Estamos a falar dun proxecto avalado pola cidadanía e polos profesionais do sector, que consideran esta proposta clave para posicionar Lugo como un destino enogastronómico de referencia», concluíu o concelleiro.