Os interesados deberán rexistrar na web www.lugonadal.com os seus tíckets de compra nos establecementos da cidade e entrarán no sorteo dun voo.
Os grupos serán reducidos, máximo 3 nenos/as ou 2 adultos, e os voos faranse sempre mantendo todas as medidas de seguridade.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, visitou este sábado o globo aerostático instalado na explanada do Pavillón Municipal de Deportes, situado nas costas do parque, con motivo da campaña de Nadal do Concello. Trátase dun globo cautivo, é dicir, sostido por cables e unido ao chan, elevándose ata unha determinada altura.
Dende este sábado e ata o vindeiro 6 de xaneiro ofrecerá viaxes para todas aquelas persoas que merquen nos establecementos de proximidade de Lugo, ofrecendo a posibilidade de desfrutar dunhas espectaculares vistas aéreas da cidade. Para participar, os interesados deberán rexistrar na web www.lugonadal.com os seus tíckets de compra nos comercios locais e directamente entrarán no sorteo de viaxes no globo.
Os gañadores serán notificados por vía telefónica e asignaráselles un día e unha hora específicos. O horario de voo será entre as 17:30 e 19:30 horas entre semana, e entre as 17:30 e 20:30 horas as fins de semana. A duración de cada viaxe será duns 3 minutos. Os grupos serán reducidos, máximo 3 nenos/as ou 2 adultos, da mesma unidade familiar ou achegados, máis a persoa que pilota o globo, e os voos faranse sempre mantendo todas as medidas de seguridade.
A campaña de Nadal do Concello de Lugo inclúe diferentes iniciativas e actividades dirixidas a públicos de todas as idades e integradas baixo a marca Lugo é Capital, co obxectivo de dinamizar as rúas e establecementos da cidade, ao tempo que se pon en valor o pequeno comercio de Lugo.