O Goberno sacou adiante este mércores na Mesa Xeral de Negociación, co voto a favor de todos as forzas sindicais representadas neste órgano excepto a CIG, a súa proposta de ampliar a oferta pública de emprego do 2018 coa convocatoria de 26 prazas de Policía Local para cubrir o 100% das xubilacións que xa se produciron a día de hoxe ao abeiro do Real Decreto Lei que regula a xubilación anticipada de policías.
Segundo explicou o Concelleiro de Persoal, Daniel Piñeiro, das 26 prazas: 14 son de policía (5 en quenda libre, 5 de mobilidade horizontal e 4 de promoción interna para axentes de mobilidade); 6 de oficiais (4 de promoción interna e 2 de mobilidade horizontal); e outras 6 de inspectores (3 de promoción interna e 3 de mobilidade horizontal).
Esta convocatoria de prazas será aprobada agora na Xunta de Goberno para logo iniciar o procedemento administrativo co fin de cubrilas, proceso que será axilizado grazas á sinatura do convenio de colaboración que o Goberno eleva mañá ao Pleno para delegar na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as competencias en materia de convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías do corpo da Policía Local.
A día de hoxe teñen solicitada a xubilación, pero non a fixeron efectiva, outros 6 axentes da Policía, prazas que se incluirán na oferta pública de emprego deste 2019 para cubrilas.
Coas 26 prazas de Policía Local acordadas hoxe na Mesa Xeral de Negociación, son 45 as incluídas nas catro ofertas de emprego público que sacou adiante o Goberno (2015, 2016, 2017 e 2018), das cales 10 son para inspector.