O Goberno de Lara Méndez porá en marcha unha nova iniciativa encamiñada a paliar os efectos da alerta sanitaria, especialmente entre os pequenos comercios e autónomos de Lugo, entre os máis afectados polo brote de COVID-19. Trátase dun proxecto pioneiro en España mediante o cal o Concello de Lugo, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), ofrecerá asesoramento gratuíto ás persoas autónomas, microempresas e pequenas empresas, para minimizar o impacto da crise e facilitar que, unha vez superada a situación actual, saian reforzados.
Así o explicou a alcaldesa, quen subliñou que se están a desenvolver todos os esforzos posibles para mitigar os efectos da pandemia na economía da nosa cidade. “Debemos converter este momento de crise nun momento de oportunidades, por iso ofrecemos ao actores do noso tecido empresarial a posibilidade de aproveitar o cese da súa actividade para realizar un valioso traballo de diagnose que lles permita coñecer os puntos débiles e os fortes dos seus negocios para reimpulsalos cando poidan volver abrir as súas portas”, sostivo.
A rexedora avanzou que este labor de diagnose xa a están a realizar as grandes empresas, “pero os pequenos empresarios teñen máis problemas para afrontar este investimento, por iso farémolo desde o goberno municipal de xeito gratuíto”.
Neste senso, a área de Desenvolvemento Local e Emprego, a cargo do edil Mauricio Repetto, deseñou este programa de consolidación empresarial, que será impartido por titores e consultores da EOI de forma desinteresada. Será unha experiencia piloto que durará un mes e medio e que, de ter éxito, se consolidará no tempo.
Toda a actividade desenvolverase en liña mediante seminarios web de temáticas especialmente pensadas para o tecido empresarial lucense e para o momento actual. Están deseñados para apoiar a micropemes e autónomos, ofrecéndolles ferramentas que lles axuden a enfrontarse á situación actual e a reactivar os seus negocios.
Mauricio Repetto explicou que se trata “de consultorías 100% online, nas que haberá unha primeira fase de diagnóstico e un experto se reunirá co empresario/a para a realización dun análise completo da situación actual co obxecto de detectar, tanto as áreas potenciais de mellora, como a capacidade de reorientación da empresa; e unha segunda fase estratéxica, na que desenvolven un plan de reimpulso da súa actividade axustado ás súas necesidades e recursos”.
Ademais, as empresas poderán realizar consultas en liña con expertos na materia que, voluntariamente, participan na iniciativa para abordar diferentes cuestións tanto técnicas, legais, financeiras, como de márketing, comunicación ou branding.
Os seminarios ou webminar impartiranse a través da plataforma e-learning que actualmente xa ten en marcha a EOI e o Concello de Lugo para a formación de emprendedores a través do programa Inicia Coworking.
Audio