O Inicia Coworking de Lugo, impulsado polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI) no CEI-NODUS e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, xa ten aberta a inscrición para a cuarta e última edición desta iniciativa, na que se ofrece, de xeito individualizado e totalmente gratuíto, formación e acompañamento para a posta en marcha ou consolidación de novos proxectos de caracter emprendedor e inovador.
Unhas 22 persoas poderán incorporarse a esta última edición do programa que acadou gran éxito nas tres edicións anteriores, posto que o 70% dos 58 emprendedores e emprendedoras que xa participaron no Inicia Coworking teñen a día de hoxe o seu negocio en marcha e facturando. Ademais, máis da metade destas empresas foron impulsadas por mulleres.
As persoas interesadas en sumarse poden facelo, ata o 15 de decmebro, a través da páxina web municipal, www.lugo.gal, ou no enlace https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/lugo-4a-edicion/admision, onde se pode atopar máis información sobre esta iniciativa. Esta fase desenvolverase entre xaneiro e xuño do vindeiro ano no CEI-NODUS.
A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, encargada de dar a coñecer a nova apertura de prazo, xunto á mentora deste programa Úrsula Pérez, fixo énfase na contribución que fai este plan ao tecido empresarial lucense, axudando á creación de emprego. Nesta liña, Preito subliñou o compromiso do Goberno co emprego, eido ao que destina 3 millóns de euros nos orzamentos. De feito, a día de hoxe están en marcha programas por importe de 2 millóns de euros, que melloran a inserción laboral dos e das lucenses. Ademais do Inicia Coworking, funciona o viveiro de empresas a pé de rúa na Tinería e celébranse os obradoiros Fórum 4.0 e InteracTICvate ou o Mellora Lugo 2018.
Prieto animou a todas aquelas persoas con iniciativa e con ideas para novos proxectos a presentar as súas ideas a esta convocatoria. Entre todas as inscricións realizarase unha selección de participantes nesta cuarta edición do Inicia Coworking.
O de Lugo é un dos máis de 50 espazos Coworking que a EOI ten en España para emprender, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento dos mellores proxectos empresariais presentados. Conta cun orzamento de 800.000€, cofinanciados polo Concello e a Escola de Organización Industrial.
Máis información no teléfono 982-29-74-72 ou en cwlugo@eoi.es.
Audio