Entre as propostas destacan as exhibicións de danza, contacontos, obradoiros de manualidades e a visita de Papá e Mamá Noel.
O Mercado de Nadal conta con casetas decoradas, iluminación especial e un horario amplo: de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 21:00 horas.
O mercado Nadalmente Lucense, promovido polo Executivo de Paula Alvarellos, continúa enchendo a Praza Maior de Lugo de maxia e actividades para toda a familia durante estas festas. A iniciativa busca dinamizar o comercio local e ofrecer un espazo de lecer para pequenos e maiores. Neste senso, a programación para os vindeiros días inclúe obradoiros infantís, xogos tradicionais, contacontos e exhibicións de danza, ademais da visita de Papá e Mamá Noel, que farán as delicias dos máis pequenos.
Así, o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, convidou a toda a cidadanía a participar nesta programación especial: “Queremos que o Nadal en Lugo sexa unha experiencia máxica para as familias e unha oportunidade para apoiar o noso comercio local.”
O mercadiño Nadalmente Lucense non só é un lugar para atopar agasallos orixinais e feitos con mimo, senón tamén unha oportunidade para fortalecer a economía do municipio e poñer en valor o talento dos emprendedores e emprendedoras lucenses.
Un nadal máxico na Praza Maior
O Mercado de Nadal conta con casetas decoradas, iluminación especial e un horario amplo: de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro, con horario reducido ata as 14:30 horas, e os días 25 e 1 de xaneiro, cando permanecerá pechado.