A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, xunto ao Presidente da Asociación MakersLugo, José Manuel López, presentaron, este luns, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, o ArduinoDay que terá lugar o vindeiro 12 de maio no CEI-Nodus. Esta xuntanza, que se celebra por quinto ano consecutivo, expón diversas iniciativas relacionadas co arduino, unha plataforma de hardwarelibre para a creación de proxectos interactivos ademais de, competicións de robots e talleres educativos para as persoas interesadas en profundizar máis no mundo da tecnoloxía.
Na presentación, na que tamén estiveron presentes outros membros da Asociación MakersLugo, Ana Prieto convidou a todas e todos os lucenses a achegarse ao CEI-Nodus e visitar este evento aberto a todo o público que “nos permite aprender e coñecer variedade de proxectos e iniciativas de makers da cidade e tamén de fora da contorna de Lugo. Con esta programación, unímonos a centos de celebracións que se realizarán o mesmo día e por todo o mundo, para homenaxear o nacemento desta plataforma que nos permite construír dispositivos dixitais”.
O ArduinoDay poderá visitarse en horario de 10:30 á 13:30 horas e de 16:30 á 19:00 horas e contará coa presenza e as iniciativas de makers que ofrecerán aos visitantes unha gran variedade de proxectos para que poidan coñecer en profundidade: impresión 3D, robótica auditiva e electrónica ou CNC, entre outros. Ademais as persoas interesadas en mostrar o seu traballo, ideas ou aparatos baseados no arduino, participar en competicións de robots sigueliñas ou minisumo ou en talleres educativos poden apuntarse no seguinte enlace www.makerslugo.org
Nesta liña, José Manuel López, agradeceu o apoio ao Concello que “un ano máis colabora con esta xuntanza e dota dunha maior visibilidade o mundo do arduino, a robótica ou a impresión 3D”.
Sobre o Arduino
Arduino é unha plataforma de hardware libre, baseada nunha placa cun microcontrolador e un entorno de desenvolvemento, deseñada para facer fácil e barato, a principiantes e non especialistas, a creación de proxectos interactivos que integren sensores e actuadores electrónicos.
O arduino naceu no ano 2003, no Instituto de Deseño Interactivo na cidade italiana de Ivrea, como ferramenta para estudantes principalmente artísticos. Na última década, estendeu o seu obxectivo orixinal, converténdose nun dinamizador da industria global da electrónica e do movemento maker (baseado na colaboración e libre acceso á tecnoloxía).
Audio