A alcaldesa e o concelleiro de Desenvolvemento Local saudaron por videoconferencia aos participantes no evento, que puideron gozar de máis dunha hora de música en directo a través das redes sociais do Concello
Lara Méndez: “precisamos dunha Unión que protexa á súa cidadanía ante unha ameaza global sen precedentes no noso pasado recente. Por iso, a unidade e a colaboración europea son, agora mesmo, máis necesarias ca nunca”
O Día de Europa contou coas actuacións online de Rodrigo Cuevas e Laura LaMontagne
O Concello de Lugo celebrou este sábado, 9 de maio, o Día de Europa coas actuacións online de Rodrigo Cuevas e Laura LaMontagne. Os concertos en directo de ambos artistas puideron seguirse a través das redes sociais do Concello e do centro de información europea Europe Direct-Lugo. A alcaldesa, Lara Méndez, e o concelleiro de Emprego e Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, saudaron por videoconferencia aos participantes no evento, que puideron gozar de máis dunha hora de música en streaming, grazas a esta iniciativa.
A alcaldesa subliñou que “hoxe festexamos o 70 aniversario da histórica declaración de Schuman, que sentou os cimentos da actual Unión Europea. 70 anos de paz e solidariedade no noso continente. Gustaríanos poder celebrar esta efeméride xuntos nas rúas da nosa cidade, pero, como sabedes, a situación actual non nolo permite. Agardamos que, o máis axiña posible, poidamos volver á ansiada normalidade, pois entre todos estamos a vencer ao virus”.
Lara Méndez engadiu que “precisamos dunha Unión que protexa á súa cidadanía ante unha ameaza global sen precedentes no noso pasado recente. Por iso, a unidade e a colaboración europea son, agora mesmo, máis necesarias ca nunca. Dende o Concello de Lugo queremos transmitir o noso compromiso e colaboración para saír desta crise construíndo unha Europa máis xusta e igualitaria, na que se garanta a prosperidade económica e o benestar social”.
Neste mesmo senso, o edil de Desenvolvemento Local apuntou que “é momento de reafirmar a importancia dunha unión verdadeiramente efectiva, onde a colaboración entre países sexa o principal eixo de acción para avanzar cara a unha Europa máis xusta e cohesionada, capaz de responder aos novos desafíos de forma conxunta e eficaz”.
Así mesmo, Mauricio Repetto explicou que “con esta iniciativa queremos tamén poñer en valor o rural, a cultura folk e a música lucense: de aí os artistas que hoxe nos acompañan. Quero agradecerlles a súa participación e a súa vontade de colaborar para facer deste Día de Europa unha data especial, compartindo con nós, dende as súas casas, o seu talento musical”.
Audio