Dende a reactivación deste servizo no 2019, asesorouse a máis de 3.000 lucenses para a realización de entrevistas e itinerarios personalizados de inserción laboral.
Repetto: “Espazo Lab está a ser un referente para a orientación laboral no noso municipio, avalado polo número de persoas que solicitan este servizo”.
Do total de usuarios atentidos neste último ano, o 59% foron mulleres e o 41% homes; así mesmo, o 21% foron persoas menores de 30 anos. Realizáronse máis de 500 entrevistas.
O servizo de Orientación Laboral do Concello –Espazo Lab–, atendeu a preto de 300 persoas no último ano axudando, deste xeito, á súa inserción no mercado de traballo. Así o subliñou o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, concellería da que depende este departamento, situado no CEI Nodus municipal. “Dende a reactivación deste servizo en setembro do 2019, prestamos asesoramento a máis de 3.000 persoas desempregadas para a realización de entrevistas e itinerarios personalizados de inserción laboral”.
“Pese a non ter as competencias directas neste eido, pois son autónomicas, Espazo Lab está a ser un referente para a orientación laboral no noso municipio, avalado polo número de persoas que solicitan, acoden e demandan este servizo, non só os derivadas a través do Servizo Público de Emprego de Galicia, senon tamén de persoas desempregadas que solicitan asesoramento de maneira voluntaria”, explicou o edil.
“Do cómputo global de usuarios atentidos neste último ano, o 59% foron mulleres e o 41% homes; así mesmo, o 21% foron persoas menores de 30 anos. En total realizáronse máis de 500 entrevistas e IPIs (itinerarios personalizados de inserción)”, detallou Repetto, quen explicou que a prestación deste servizo enmárcase dentro da aposta do Executivo de Paula Alvarellos pola xeración de emprego e o impulso de políticas activas coas que mellorar a situación laboral dos veciños e veciñas de Lugo.
Desde Espazo Lab preténdese dar un servizo integral á poboación lucense, apoiando, orientando, asesorando, detectando cambios e novidades no mercado de traballo, co fin de realizar unha intermediación entre empresas e persoas demandantes de emprego o máis axustada posible aos perfís profesionais e requirimentos do posto, estudo e divulgación de novas oportunidades de ocupación, coñecer e dar a coñecer os sectores económicos emerxentes e as novas competencias profesionais.
Para iso, o servizo de Orientación Laboral achega coñecementos, información, ferramentas e recursos actualizados de procura de emprego e de formación,e trabállase na mellora das competencias persoais para o emprego, facilitando o proceso de inserción e acceso dos usuarios ao mercado de traballo, sendo obxecto de compromiso: informar, motivar, innovar e acompañar ás persoas desempregadas atendidas durante a actividade.
Por outra banda, Espazo Lab ocúpase tamén da xestión do portal da Axencia de Colocación do Concello, “realizando accións de intermediación laboral, tendendo pontes entre a oferta e a demanda”, apuntou Repetto. Neste portal, as empresas, previa inscrición, dan a coñecer as súas vacantes, a través de ofertas de emprego, podendo atopar á persoa candidata que mellor se axusta ao perfil solicitado de entre as persoas rexistradas na axencia.
O edil apuntou que “este servizo tamén axuda ás persoas desempregadas a adquirir os coñecementos, destrezas e competencias solicitadas e máis demandas no mercado laboral actual a través da xestión de fondos propios, a programación de Obradoiros de Emprego acordes co mercado laboral, ou a posta en marcha de programas de formación e teleformación”, concluíu.