Mauricio Repetto fixo entrega dos premios da sétima edición do concurso, organizado polo centro de información Europe Direct do Concello de Lugo, xunto co da Deputación da Coruña
En total, presentáronse 40 fotografías, resultando gañadoras, polo centro Europe Direct de Lugo a titulada “Tempo en familia”, da autora Luz Ferreiro, e a fotografía “Lembranzas do confinamento”, de Laura Romero, que acadou o segundo posto
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, fixo entrega este martes dos premios do VII concurso de fotografía Cidadáns Europeos en Galicia: Europeos na casa, organizado polo centro de información Europe Direct do Concello de Lugo, situado no CEI Nodus, xunto co da Deputación da Coruña, co obxectivo de mostrar o sentimento de unidade europeo fronte a pandemia, especialmente entre a mocidade.
Nesta edición, marcada pola COVID-19, a fotografía gañadora mostra a dúas rapazas durante o confinamento, debuxando na casa as cores da Unión Europea, coa bandeira no fondo. Unha instantánea que busca por en valor a importancia da UE nestes momentos de crise sanitaria a nivel mundial, especialmente en tres niveis: a achega de fondos para os países máis prexudicados, a achega de material de protección e, por último, a procura dunha vacina efectiva contra o coronavirus.
En total, presentáronse 40 fotografías, resultando gañadoras, polo centro Europe Direct de Lugo a titulada “Tempo en familia”, da autora Luz Ferreiro, e a fotografía “Lembranzas do confinamento”, de Laura Romero, que acadou o segundo posto. As fotografías participantes poden contemplarse na páxina de Facebook do concurso.
O tema do certame nesta sétima edición consistiu na representación da unidade e a diversidade, as dúas palabras que conforman o lema da Unión Europea: “Unidos na diversidade”, e que se puxeron en valor neste momento de alerta sanitaria que afecta a todos os países da Unión Europea.
Cada sede de Europe Direct fixo entrega de dous premios, sendo un total de 4 premios a repartir entre o primeiro e o segundo de cada sede, respectivamente: para os primeiros clasificados o premio foi unha cámara de fotos, e para os segundos unha tablet.