Con esta iniciativa o Goberno pretende incrementar o aproveitamento destes equipamentos municipais e que o festival contribúa, así, a dinamizar o conxunto da contorna fluvial.
O xoves 19 Virtua Tennis ofrecerá un concerto en directo no Coliving Artístico do Carme; mentres que o sábado 21, será a quenda dos DJs Galician Army nas Caldas do Miño.
Paula Alvarellos: “Estas sesións poñen de manifesto, igualmente, a versatilidade de ambas as dúas instalacións para albergar actividades e eventos multidisciplinares”.
Os lucenses Virtua Tennis e Galician Army protagonizarán as dúas sesións vermú que terán lugar no marco da programación do Caudal Fest nas Caldas do Miño e o Coliving Artístico do Carme. Así o avanzou este martes a rexedora, Paula Alvarellos, quen lembrou que “con esta iniciativa buscamos incrementar o aproveitamento destes dous equipamentos municipais e que o festival contribúa, así, a dinamizar o conxunto da contorna fluvial”.
O xoves 19 de setembro, a banda local Virtua Tennis ofrecerá un directo no novo espazo cultural do Carme, no que mostrarán a súa gran aposta musical, na que combinan os ritmos rotos, con cadencias hip-hop e unha base instrumental na que se mesturan as guitarras e os sintetizadores. Mentres que o sábado 21 de setembro, nas Caldas do Miño, situadas nas inmediacións do Pazo de Feiras e Congresos, o dúo de DJs Galician Army amenizará a sesión vermú con música electrónica.
Segundo a alcaldesa, estas sesións poñen de manifesto, igualmente, a versatilidade de ambas as dúas instalacións para albergar actividades e eventos multidisciplinares.
“Se ben a ubicación do Coliving Artístico Municipal e o espazo exterior co que conta ao seu arredor o configuran como un escenario fabuloso para celebrar espectáculos ao aire libre, achegando a música ao centro da cidade e axudando a revitalizar unha zona tan emblemática como a do Carme, as Caldas – moi próximas ao recinto do propio festival – nos ofrecen un recinto de relax marabilloso cuxa existencia queremos proxectar, tamén, como reclamo turístico”, abondou Paula Alvarellos.
“O obxectivo é divulgar a existencia de todos os recursos municipais e enchelos de vida aproveitando as datas do Caudal, ofertando unha programación lúdica de interese para a poboación pero tamén propiciando, á súa vez, a dinamización económica do municipio”, sinalou.
O Caudal Fest 2024, evento xa consolidado como a última gran festa do verán, terá lugar esa fin de semana. A edición deste ano contará con artistas de renome como Amaral, Mikel Izal, Viva Suecia, Arde Bogotá, entre outros.
Na convocatoria anterior, o Caudal Fest chegou a reunir a 37.567 persoas en Lugo, xerando un retorno económico de 7,3 millóns de euros para o municipio e creando máis de 350 empregos directos e 2.000 indirectos.
Estas cifras reforzan a aposta do Gobermo local pola industria cultural como un elemento dinamizador da economía da cidade. Por iso, para o Executivo de Paula Alvarellos, estas sesións vermú son un claro exemplo de como se poden utilizar os recursos existentes para atraer a un público diverso e fomentar a produtividade na contorna.
Nesta edición de Caudal Fest, a música chegará a máis recunchos de Lugo.