Desenvolve Lugo

Lupa

Paula Alvarellos mantén un encontro co persoal do obradoiro Salus Lugo, co que 20 lucenses se están a formar no coidado de dependentes

A rexedora, acompañada do edil de Dinamización Económica, visitou as instalacións do CEI Nodus, onde se imparte a formación para coñecer e saudar ás e aos participantes.

“A formación neste sector non só abre portas no mercado laboral, senón que tamén é fundamental para garantir un coidado de calidade ás persoas que máis o necesitan”, dixo.

Durante a visita, a rexedora entregoulles unha tablet, unha ferramenta que lles permitirá mellorar o acceso aos recursos educativos e reforzar o seu proceso de aprendizaxe.

O obradoiro combina aprendizaxe teórica e traballo efectivo en Aspnais, Cogami e San Vicente de Paul. Os participantes están remunerados co salario mínimo interprofesional.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada polo concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mantivo un encontro co persoal docente e o alumnado do obradoiro dual de emprego Salus Lugo, promovido polo Executivo Municipal, a través do que 20 lucenses se están a formar no ámbito sociosanitario e socioeducativo.

Durante o encontro, Alvarellos puido saudar a cada un dos e das participantes e coñecer as súas primeiras impresións, unha vez trasncurridos os dous primeiros meses dende a súa posta en marcha a mediados de decembro. Así mesmo, a rexedora fíxolles entrega dunha tablet, unha ferramenta que lles permitirá mellorar o acceso aos recursos educativos e reforzar o seu proceso de aprendizaxe.

“A formación neste sector non só abre portas no mercado laboral, senón que tamén é fundamental para garantir un coidado digno e de calidade ás persoas que máis o necesitan. Con esta iniciativa, seguimos apostando pola capacitación dos nosos veciños e veciñas, ao tempo que reforzamos os servizos sociais da cidade”, destacou Paula Alvarellos.

O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, tamén subliñou a importancia de dotar ao alumnado de ferramentas axeitadas para a súa formación: “A entrega destas tablets supón un paso máis no compromiso do Concello coa empregabilidade e coa calidade da formación impartida. Como administración, temos a responsabilidade de ofrecer as mellores condicións posibles para que as persoas que participan nestes programas saian preparadas e con maiores oportunidades de inserción laboral”.

Unha formación con alta demanda no mercado laboral

O obradoiro Salus Lugo, promovido polo Concello de Lugo e financiado cunha subvención autonómica de 421.000 euros, ofrece unha formación de nove meses que combina aprendizaxe teórica nas instalacións do CEI Nodus e traballo efectivo en centros de referencia como Aspnais, Cogami e San Vicente de Paul. Os participantes están remunerados co salario mínimo interprofesional durante o período formativo.

Esta iniciativa conta con dúas especialidades diferenciadas: Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que permite obter un certificado de profesionalidade de Nivel 2; e Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade, unha especialidade pioneira en Lugo que outorga un certificado de profesionalidade de Nivel 3.

“A especialidade de promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade impártese por primeira vez na provincia, sendo unha oportunidade excepcional para formar profesionais altamente cualificados neste eido”, apuntou Alvarellos.

O Concello de Lugo reafirma así o seu compromiso coa empregabilidade e coa mellora dos servizos de atención á dependencia, apostando por programas que favorezan a formación e a inserción laboral das persoas en situación de desemprego.

Scroll al inicio